Premios Mágnum 2018

Elísabet Castro recibe o Mágnum ao Mellor Sumiller de Galicia e Esther Teijeiro o Mágnum Honorífico da oitava edición dos Premios Mágnum

Dous viños de Ourense, Azos do Pobo 16 de Daterra Viticultores e Cume do Avia dos Canotos 17 de Cume do Avia, recibiron cadanseu galardón ao Mellor Viño e ao Mellor Viño Revelación

Os Premios Mágnum que concede o Instituto Galego do Viño teñen por obxectivo fomentar a excelencia no sector vitivinícola e afianzar a imaxe de Galicia como referente mundial de viños e profesionais de máximo prestixio

Esther Teijeiro recolleu hoxe das mans do Alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, o Premio Mágnum Honorífico 2018 ‘Viñolvidable’ polo seu traballo a favor do rol da muller no sector do viño galego nun acto celebrado na Praza de Abastos de Vilagarcía e que contou coa presenza do Deputado de Promoción Turística, Santos Héctor Díaz e da Directora Xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez e de preto de 200 profesionais do mundo do viño.

Como novidade, nesta edición dos Premios Mágnum incorporouse un novo galardón: o Mágnum ao Mellor Tratamento do Viño Galego fóra de Galicia, que vén a recoñecer o traballo en prol do viño galego de restaurantes que pese a estar lonxe das fronteiras galegas senten o noso viño como propio.

O xurado destes galardóns, que xa alcanzan a súa octava edición, nomeou a Elísabet Castro, propietaria e sumiller en Mesón do Campo, como a Mellor Sumiller de Galicia, destacando que «poucas persoas atesouran tanta enerxía e tanto talento».

A distinción de Mellor Adega Galega (entendida como colección de viños) foi para Adegas Albamar; apostilando o xurado que todo o que fai esta adega xoga nas máis grandes ligas internacionais.

Pola súa banda, Azos do Pobo 2016, de Daterra Viticultores, conseguiu o Premio Mágnum ao Mellor Viño Galego. O xurado apuntou que este viño é «unha mostra de que en condicións adversas e dende paraxes romotos tamén se pode chegar ao gran público, cun proxecto cargado de paixón, sensibilidade e forza».

Cume do Avia dos Canotos 2017, de Cume do Avia, foi nomeado Mellor Viño Revelación Galego, por ser quen de respectar a tradición dende unha óptica totalmente actual e renovada.

De entre os nominados ao Mágnum á Mellor Iniciativa de Enoturismo, Adega Algueira resultou a seleccionada, «por ser pioneira no desenvolvemento dun enoturimo de calidade, divulgando e dando a coñecer con extrema xenerosidade a zona da Ribeira Sacra».

O Premio Mágnum á Mellor Labor de Difusión do Viño Galego recaeu no programa de Jesús Calleja, Volando Voy, emitido na canle Cuatro e producido por Zanskar Producciones. «Este particular programa de televisión deu situado no mapa vitivinícola nacional á Ribeira Sacra, proxectando a súa imaxe con autenticidade e dun xeito divertido».

Todos eles recibiron unha escultura realizada por Kike Ortega, que seguindo a súa línea creativa de exploración das posibilidades artísticas de materiais a priori non concebidos para a arte, convertiu antigos bidóns de aceite en oito representacións rompedoras da clásica botella mágnum.

Toda a información en www.premios-magnum.com